A actividade editorial da Real Academia Galega comeza no ano 1906, coa publicación do discurso lido por Leandro Saralegui na sesión inaugural celebrada o 30 de setembro. Nos seus primeiros estatutos establece a publicación dun Boletín e a capacidade de publicar “aqueles traballos que poidan contribuír ao máis cabal coñecemento da lingua, literatura ou historia de Galicia”. Estas directrices mantéñense a día de hoxe.

A Real Academia Galega establece anualmente o seu plan editorial. A Comisión de Publicacións é a delegada do Plenario da Academia para estudar os orixinais ou propostas que se fagan chegar á RAG.

Os orixinais ou propostas de publicacións deben presentarse ben a través dun académico ou académica de número, ben por medio dun Seminario ou Sección da Academia. A Comisión de Publicacións, logo de avalialas, someteraas á consideración do Plenario, para o que se depositará na secretaría un orixinal para a súa consulta e consideración polos señores académicos e académicas.

O Boletín da Real Academia Galega é o órgano onde se dá conta das sesións, acordos e actividades da Corporación e onde se insiren os traballos propios do seu ámbito de actuación. Á publicación do Boletín da Real Academia Galega, uniuse no ano 1990 Cadernos de Lingua. Ambas revistas inauguraron a súa edición dixital no ano 2018.

Contacto da editorial

Publicacións
Real Academia Galega
Rúa Tabernas 11
15001 – A Coruña
publicacions@academia.gal
Tel.: (+34) 981 207 308
Fax.: (+34) 981 216 467

Contacto principal

Nélida Cosme
Teléfono 981.20.73.08

Contacto de soporte

Juan F. Montenegro
Teléfono 981.20.73.08

Orientación e ámbito de actividade

O carácter fundamental das publicacións do RAG é académico, científico e divulgativo dentro do ámbito da lingua e a cultura galegas. As publicacións da Academia non teñen ánimo de lucro; favorécese a edición de orixinais en razón do seu interese temático ou científico e da oportunidade académica.

Actualmente, o Real Academia Galega ten un catálogo (entre vivo e descatalogado) de máis de 300 títulos. Dispón de varias coleccións fixas, como Antoloxías da Academia, Terra nomeada, e as propias de cada Sección: Historia, Literatura e Lingua.

Proceso de revisión

O capítulo VIII do Regulamento de Réxime interno está dedicado á actividade editorial da Academia. No seu artigo 45 establece que a Academia debe velar pola calidade científica das publicacións propias e tamén das alleas que avale co seu selo.

Para garantir isto, o Plenario nomeará unha comisión avaliadora constituída non necesariamente por académicos. Un exemplar da obra deberá estar na sede da Academia durante un prazo de 15 días ó dispor de tódolos académicos, que poderán achega-las súas suxestións á comisión; se a complexidade da obra o aconsellar, o Plenario poderá establecer un prazo de exposición máis longo. A comisión emitirá un informe para que o Plenario dea, se proceder, o prace definitivo para a publicación.

As obras de carácter lingüístico que teñan repercusións normativas deberán ser referendadas polo Plenario antes da súa publicación. A Comisión Executiva establecerá un prazo de revisión destas obras en función da súa complexidade.

Política de acceso aberto

Esta editorial proporciona acceso aberto inmediato o seu contido baixo o principio de que facer dispoñible a investigación, abertamente ao público, fomenta un maior intercambio de coñecemento global.

A Real Academia Galega conserva os dereitos patrimoniais (copyright) das obras publicadas neste sitio web, e favorece e permite o emprego das mesmas baixo a licenza de uso Creative Commons Atribución-Non comercial-Sen obra derivada 3.0 España. Pódense copiar, usar, difundir, transmitir e expoñer publicamente, sempre que: i) se cite a autoría e a fonte orixinal da súa publicación (sitio web, editorial e URL/DOI da obra); ii) non se empregue con fins comerciais; iii) se mencione a existencia e especificacións desta licenza de uso.