Castelao na Academia: manuscritos no Arquivo da R.A.G.

Alfonso R. Castelao
Autor/a
Henrique Monteagudo
Editor/a literario/a

Sinopse

O corrente ano 2014 foi ocasión para diversas conmemoracións castelaianas: cumpríronse setenta anos da publicación da súa obra Sempre en Galiza no exilio bonaerense, transcorreron cincuenta anos des que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas e tamén se fixeron oitenta anos do seu ingreso como académico numerario na Academia Galega. Para sumarse ás distintas celebracións que se realizaron durante o ano en curso, promovidas desde varias instancias, e sempre co obxectivo de contribuír á difusión da obra castelaiana, a Real Academia Galega pon a dispor do público a través do seu portal web tres significativos textos autógrafos do grande artista, escritor e intelectual rianxeiro:

  1. A conferencia Arte e galeguismo, tal como foi pronunciada nos locais da ‘Irmandade da Fala’ da Coruña en outubro de 1919, co gallo da inauguración dunha exposición do pintor Imeldo Corral, publicada pola mesma Irmandade nun folleto impreso nos obradoiros gráficos do xornal El Noroeste.
  2. A narración “O retrato”, publicada por primeira vez na revista Nós, no número correspondente ao día de Galicia de 1927 e posteriormente incluído no volume Retrincos, que trouxo a lume a benemérita editorial Nós en 1934, ilustrado con debuxos de Carlos Maside.
  3. A disertación Humorismo, debuxo humorístico, caricatura, concibida e proferida como presentación da exposición ‘Nós’ de Castelao, que foi exhibida por primeira vez a público en marzo de 1920 no Salón de Artesanos da Coruña, novamente por iniciativa da Irmandade da Fala da Coruña, e simultaneamente imprentada no xornal A nosa terra (3 de marzo de 1920).

Os tres son textos ben significativos na traxectoria do grande Castelao.

Cuberta para Castelao na Academia: manuscritos no Arquivo da R.A.G.
Categorías

Detalles sobre este monográfico

Formato (03)
Edición dixital
Data de publicación (01)
2014