O galego segundo a mocidade: unha achega as actitudes e discursos sociais baseado en técnicas experimentais e cualitativas

Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega
Autor/a
Manuel González González
Director/a
Modesto A. Rodríguez Neira
Coordinador/a

Sinopse

O MSG tiña como obxectivo proporcionar un diagnóstico da situación da lingua galega que servise de base á futura planificación lingüística. Neste amplo e detallado estudo trazábase un exhaustivo panorama da situación sociolingüística da lingua galega, segundo tres parámetros básicos: a competencia en galego, os usos lingüísticos e as actitudes cara a esta lingua. En canto ao primeiro parámetro, os resultados máis relevantes confirmaban a elevada competencia da poboación galega no coñecemento oral do galego e a tendencia dos entrevistados máis novos a se consideraren menos competentes na fala cá poboación adulta. Respecto do segundo, mediante unha descrición polo miúdo do estado do uso nas distintas circunstancias e situacións, destacaban, por unha banda, o avance do bilingüismo e, por outra, unha tendencia ao menor emprego do galego entre a xente nova en comparanza coas xeracións de maior idade. Finalmente, a exploración das actitudes indicaba o alto grao de aceptación xeral do idioma, especialmente entre a mocidade e os grupos sociais máis favorecidos (maior nivel educativo, maior nivel de ingresos e hábitat urbano).

As tendencias xerais postas de manifesto polo MSG indicaban unha aparente inconsistencia entre os elevados niveis de competencia, as actitudes favorables cara ao idioma e o comportamento lingüístico nos grupos sociais onde se esperaba unha recuperación do uso do galego, especialmente no colectivo xuvenil.

Estas consideracións levaron a escoller a mocidade como grupo social obxecto de estudo, posto que nela están depositadas as expectativas futuras de cambio social e porque é a que ofrece maior disonancia entre competencia lingüística e usos, e tamén entre actitudes e usos (MSG, 1995, 1996 e 1997). Agardamos que os resultados obtidos mediante as diferentes técnicas de investigación fornezan un diagnóstico exhaustivo das actitudes lingüísticas da mocidade galega.

Pode solicitar un exemplar gratuíto da edición impresa desta obra (con gastos de envío) por correo electrónico.

Cuberta para O galego segundo a mocidade: unha achega as actitudes e discursos sociais baseado en técnicas experimentais e cualitativas

Detalles sobre este monográfico

Formato (03)
Edición impresa
ISBN-10 (02)
84-87987-42-7
Número de depósito legal (17)
C. 2426-2003
Data de publicación (01)
2003