Sobre a editorial
A actividade editorial da Real Academia Galega comeza no ano 1906, coa publicación do discurso lido por Leandro Saralegui na sesión inaugural celebrada o 30 de setembro. Nos seus primeiros estatutos establece a publicación dun Boletín e a capacidade de publicar “aqueles traballos que poidan contribuír ao máis cabal coñecemento da lingua, literatura ou historia de Galicia”. Estas directrices mantéñense a día de hoxe.
A Real Academia Galega establece anualmente o seu plan editorial. A Comisión de Publicacións é a delegada do Plenario da Academia para estudar os orixinais ou propostas que se fagan chegar á RAG.
Os orixinais ou propostas de publicacións deben presentarse ben a través dun académico ou académica de número, ben por medio dun Seminario ou Sección da Academia. A Comisión de Publicacións, logo de avalialas, someteraas á consideración do Plenario, para o que se depositará na secretaría un orixinal para a súa consulta e consideración polos señores académicos e académicas.
O Boletín da Real Academia Galega é o órgano onde se dá conta das sesións, acordos e actividades da Corporación e onde se insiren os traballos propios do seu ámbito de actuación. Á publicación do Boletín da Real Academia Galega, uniuse no ano 1990 Cadernos de Lingua. Ambas as revistas inauguraron a súa edición dixital no ano 2018.
Orientación e ámbito de actividade
O carácter fundamental das publicacións do RAG é académico, científico e divulgativo dentro do ámbito da lingua e a cultura galegas. As publicacións da Academia non teñen ánimo de lucro; favorécese a edición de orixinais en razón do seu interese temático ou científico e da oportunidade académica.
Actualmente, a Real Academia Galega ten un catálogo (entre vivo e descatalogado) de máis de 300 títulos. Dispón de varias coleccións fixas, como Antoloxías da Academia, Terra nomeada, e as propias de cada Sección: Historia, Literatura e Lingua.
Proceso de revisión
O capítulo VIII do Regulamento de Réxime interno está dedicado á actividade editorial da Academia. No seu artigo 45 establece que a Academia debe velar pola calidade científica das publicacións propias e tamén das alleas que avale co seu selo.
Para garantir isto, o Plenario nomeará unha comisión avaliadora constituída non necesariamente por académicos. Un exemplar da obra deberá estar na sede da Academia durante un prazo de 15 días ao dispor de todos os académicos, que poderán achegar as súas suxestións á comisión; se a complexidade da obra o aconsellar, o Plenario poderá establecer un prazo de exposición máis longo. A comisión emitirá un informe para que o Plenario dea, se proceder, o prace definitivo para a publicación.
As obras de carácter lingüístico que teñan repercusións normativas deberán ser referendadas polo Plenario antes da súa publicación. A Comisión Executiva establecerá un prazo de revisión destas obras en función da súa complexidade.
Política de acceso aberto
Esta editorial proporciona acceso aberto inmediato ao seu contido baixo o principio de que facer dispoñible a investigación, abertamente ao público, fomenta un maior intercambio de coñecemento global.
A Real Academia Galega conserva os dereitos patrimoniais (copyright) das obras publicadas neste sitio web, e favorece e permite o emprego das mesmas baixo a licenza de uso Creative Commons Atribución-Non comercial-Sen obra derivada 3.0 España. Pódense copiar, usar, difundir, transmitir e expoñer publicamente, sempre que:
- se cite a autoría e a fonte orixinal da súa publicación (sitio web, editorial e URL/DOI da obra).
- non se empregue con fins comerciais.
- se mencione a existencia e especificacións desta licenza de uso.