O son das ondas: as Sete cantigas / O Pergamiño Vindel

Martin Codax
Autor/a
Henrique Monteagudo
Editor/a literario/a

Sinopse

Velaquí un documento certamente excepcional. Polo seu valor e pola súa significación. Cando a principios do ano 1914 o libreiro anticuario Pedro Vindel, residente en Madrid, anunciaba ao mundo o achado dunha vitela, un pergamiño coas sete cantigas do poeta do mar de Vigo, Martin Codax, letra e música (agás a cantiga VI que ten só a letra), estaba a abrir un portelo novo para o estudo na nosa lírica medieval. Sabiamos da existencia destas cantigas polos cancioneiros apócrifos italianos, pero era a primeira vez que chegaban a nós de xeito autónomo, organizadas segundo un discurso propio, coa primeira música profana daquel universo poético, nunha escrita relativamente próxima ao tempo do seu autor, agochada durante séculos na encadernación dun libro de Cicerón. O libreiro Vindel desenterraba un tesouro. Dende entón, pola significación daquel descubrimento e mais pola calidade dos textos e as melodías, as cantigas de Martin Codax constitúen un referente fundacional da nosa literatura, patrimonio sobranceiro da literatura universal.

Esta edición, preparada polo profesor Henrique Monteagudo, e que inclúe un ensaio complementario do profesor Giuseppe Tavani, ofrece aos lectores un dos fitos máis significativos da nosa lírica, acompañado da gravación que o Grupo Universitario de Cámara de Compostela, dirixido por Carlos Villanueva, fixo da música das seis cantigas que deste xeito chegaron a nós. Dispoñemos, xa que logo, dun documento que contextualiza perfectamente o universo poético que evocamos: as ondas do mar de Vigo, a pequena ermida á beira do mar onde a namorada agarda polo seu amigo, a letra das composicións e a música, que dá conta da verdadeira esencia daquelas, concibidas para ser cantadas, seguramente para ser bailadas tamén. Rimas de amor e saudade. As iluminuras do Cancioneiro da Ajuda ilustran mesmo a posible representación da interpretación musical, acompañada de danza.

Índice

  • Voces dende o misterio
    Víctor F. Freixanes
  • O Pergamiño Vindel
    Henrique Monteagudo
  • A singularidade da poesía de Martin Codax
    Henrique Monteagudo
  • Para unha lectura das cantigas de Martin Codax
    Giuseppe Tavani
  • Cantigas
    Martin Codax
  • As cantigas nos Cancioneiros

 

Xunta de Galicia     Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades

Cuberta para O son das ondas: as Sete cantigas / O Pergamiño Vindel
Categorías

Detalles sobre este monográfico

Formato (03)
Ed. impresa
ISBN-13 (15)
978-84-87987-66-3
Número de depósito legal (17)
C. 2432-2019
Data de publicación (01)
2019