O galego segundo a mocidade: unha achega as actitudes e discursos sociais baseado en técnicas experimentais e cualitativas
Descargas
Categorías
Detalles sobre esta monografía
Formato (01)
ISBN-10 (02)
Número de depósito legal (17)
Data de publicación (11)
Resumo
O Mapa Sociolingüístico Galego tiña como obxectivo proporcionar un diagnóstico da situación da lingua galega que servise de base á futura planificación lingüística. Neste amplo e detallado estudo trazábase un exhaustivo panorama da situación sociolingüística da lingua galega, segundo tres parámetros básicos: a competencia en galego, os usos lingüísticos e as actitudes cara a esta lingua. En canto ao primeiro parámetro, os resultados máis relevantes confirmaban a elevada competencia da poboación galega no coñecemento oral do galego e a tendencia dos entrevistados máis novos a se consideraren menos competentes na fala cá poboación adulta. Respecto do segundo, mediante unha descrición polo miúdo do estado do uso nas distintas circunstancias e situacións, destacaban, por unha banda, o avance do bilingüismo e, por outra, unha tendencia ao menor emprego do galego entre a xente nova en comparanza coas xeracións de maior idade. Finalmente, a exploración das actitudes indicaba o alto grao de aceptación xeral do idioma, especialmente entre a mocidade e os grupos sociais máis favorecidos (maior nivel educativo, maior nivel de ingresos e hábitat urbano).
As tendencias xerais postas de manifesto polo MSG indicaban unha aparente inconsistencia entre os elevados niveis de competencia, as actitudes favorables cara ao idioma e o comportamento lingüístico nos grupos sociais onde se esperaba unha recuperación do uso do galego, especialmente no colectivo xuvenil.
Estas consideracións levaron a escoller a mocidade como grupo social obxecto de estudo, posto que nela están depositadas as expectativas futuras de cambio social e porque é a que ofrece maior disonancia entre competencia lingüística e usos, e tamén entre actitudes e usos (MSG, 1995, 1996 e 1997). Agardamos que os resultados obtidos mediante as diferentes técnicas de investigación fornezan un diagnóstico exhaustivo das actitudes lingüísticas da mocidade galega.