VII Concurso de microrrelatos: relatos gañadores

Descargas
Colección
Categorías
Resumo
Xuntas suman pouco máis de 1100 palabras, pero fan pensar moito. As nove historias gañadoras do VII Concurso de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal reunidas nestas páxinas son, un ano máis, unha mostra clara de que somos un pobo que reflexiona e actúa ante os grandes temas da vida. Uns sombrizos, outros luminosos. Os seus autores e autoras teñen entre dez e 69 anos e demóstrannos que a gana de nos contar o mundo entre nós agroma ben cedo e sempre nos acompaña. Porque relatármonos aquilo que nos anguria como sociedade, ou no noso eu máis profundo, compartirmos igualmente o que nos enche de tenrura e alegría, é terapéutico. E tamén un acto literario que nos fai gozar, capaz de nos atrapar dende a primeira ata esa derradeira liña na que emerxe o xiro inesperado. Palabra tras palabra nun idioma, o galego, que constitúe a nosa maior obra colectiva. Unha lingua para expresarmos con riqueza o moito que temos que dicir. Un idioma para contarmos o mundo, a vida.