Mapa sociolingüístico de Galicia 2004. Volume I: lingua inicial e competencia lingüística en Galicia
Sinopse
Tendo en conta o carácter dinámico das situacións sociolingüísticas e que nos últimos anos se produciron cambios importantes na sociedade galega, cumpría unha nova sondaxe sociolingüística que proporcionase información fiable e significativa da situación actual e da magnitude e natureza dos cambios ocorridos nos últimos anos. Transcorrido xa máis dun decenio da aplicación da enquisa que forneceu os datos para a elaboración do primeiro mapa sociolingüístico de Galicia (MSG-92), realízase esta nova pescuda (MSG-04) que debe servir para avaliar os logros das políticas lingüísticas levadas a cabo na última década e servir de guía para intervir naqueles ámbitos nos que se requira corrixir erros, mellorar resultados e deseñar procesos de intervención acaídos á nova realidade.
A investigación que aquí se presenta persegue unha dobre finalidade: facer unha diagnose da actual situación sociolingüística galega comparándoa coa reflectida no MSG-92, e sentar as bases para futuras accións de cara á normalización do galego.